Saturday 27 de April de 2024

Comezan as obras de reparación do muro perimetral dos xardíns municipais de San Sadurniño


Os temporais do pasado inverno provocaran a caída duns 7 metros de peche, que agora se volverán erguer cunha achega de Turismo de Galicia

A construtora Conscyc 2020 S.L. iniciou esta mañá os traballos de reparación do tramo de muro dos xardíns municipais que se viu afectado polos temporais do pasado inverno. Como se recordará, a principios deste ano viñéronse abaixo arredor de 7 metros do peche de pedra que agora, seguindo as indicacións de Patrimonio, van volver erguerse empregando técnicas construtivas e incluso unha parte importante dos materiais orixinais. O importe dos traballos ascende a 15.336,75€ e agárdase que queden listos no prazo aproximado de dúas semanas. A obra financiarase integramente cunha achega de Turismo de Galicia.

Os labores de restauración consistirán no levantamento dos arredor de sete metros de muro de cachotaría que se viñeron abaixo a raíz dun dos temporais que lle afectaron á comarca nos primeiros compases deste ano 2023.

Trátase dun tramo que se encontra na zona oeste dos xardíns municipais situado sobre un ribazo de terra máis elevado que o resto do peche perimetral, de aí que un pequeno corremento provocado por varios días de chuvia intensa acabase producindo o derrubamento.

A empresa adxudicataria da obra iniciou esta mañá o traballo facendo labores previos de desmonte, limpeza e acopio de pedra reutilizable, xa que a intervención prevé utilizar na reconstrución a maior cantidade posible de material orixinal, co obxectivo de manter a continuidade visual do peche -suxeito a protección patrimonial-, aínda que soterrando unha base de formigón que asegure a súa estabilidade.

Tal e como comentaban esta mañá os operarios, estímase que o traballo poida estar finalizado nun prazo de dúas semanas. Os tempos veñen marcados pola oferta técnica da propia construtora e tamén polo feito de que o sector collerá vacacións desde o 15 de agosto. Ademais tamén se pretende ter rematado o traballo con marxe suficiente para tramitar a conformidade e a recepción da obra, xunto coa xustificación da súa execución antes do 31 de outubro perante a Axencia Turismo de Galicia.

O organismo autonómico financiará a intervención ao cento por cento, dentro do programa de subvencións dirixidas a municipios de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas. O proxecto adxudicouse en 15.336,75€, impostos incluídos, uns 2.400 euros por debaixo do prezo en que estaba orzamentado na memoria técnica.